QUE É HERBA GRILEIRA?

A HERBA GRILEIRA é unha herba máxica con marabillosas propiedades curativas, case incribles. Unha herba de lenda que medra nos ríos, na auga corrente, que ten liberdade, movemento e que transmite vitalidade. Esa corrente dos ríos na que medra vigorosa non é outra que o cariño e repecto que temos pola cultura tradicional, eixos que guían toda a actividade da asociación.

Esta semente plantouse no ano 2009. A terra era mol e axiña colleu vigor. O que naceu dun xeito informal, case improvisado,  converteuse ao longo destes anos nunha Escola de baile e música tradicional que acubilla ao redor de 160 alumnas e alumnos, con idades comprendidas entre os 5 e os 75 anos.

Herba Grileira é unha asociación comprometida, non só co folclore tradicional, tamén coa terra na que vive, coa sociedade da que forma parte e co idioma no que fala.
Dicir compromiso coa terra é sinónimo de dicir respecto, admiración e interese por divulgar o rico patrimonio inmaterial da Terra de Melide, comarca berce de grandes gaiteiros, territorio de fonda tradición musical. Dese querer polo herdado e desa intención de poñelo en valor naceu o que ata hoxe é o proxecto máis ambicioso de todos os desenvoltos por Herba Grileira: A gravación dun disco coas músicas da Terra de Melide, extraídas do libro Terra de Melide, publicado no ano 1933 polo Seminario de Estudos Galegos. 

Entradas populares de este blog

CONCERTO BANDA GRILEIRA

VII FESTIVAL INFANTIL