QUE É HERBA GRILEIRA?
A HERBA GRILEIRA é unha herba
máxica con marabillosas propiedades curativas, case incribles. Unha herba de
lenda que medra nos ríos, na auga corrente, que ten liberdade, movemento e que
transmite vitalidade. Esa corrente dos ríos na que medra vigorosa non é outra
que o cariño e repecto que temos pola cultura tradicional, eixos que guían toda
a actividade da asociación.
Esta semente plantouse no ano 2009.
A terra era mol e axiña colleu vigor. O que naceu dun xeito informal, case
improvisado, converteuse ao longo destes
anos nunha Escola de baile e música tradicional que acubilla ao redor de 160
alumnas e alumnos, con idades comprendidas entre os 5 e os 75 anos.
Herba Grileira é unha asociación comprometida, non só co folclore tradicional, tamén coa terra na que vive, coa sociedade da que forma parte e co idioma no que fala. Dicir compromiso coa terra é sinónimo de dicir respecto, admiración e interese por divulgar o rico patrimonio inmaterial da Terra de Melide, comarca berce de grandes gaiteiros, territorio de fonda tradición musical. Dese querer polo herdado e desa intención de poñelo en valor naceu o que ata hoxe é o proxecto máis ambicioso de todos os desenvoltos por Herba Grileira: A gravación dun disco coas músicas da Terra de Melide, extraídas do Libro Terra de Melide, publicado no ano 1933 polo Seminario de Estudos Galegos.